O CAPM de Tomiño está situado no Baixo Miño, conformado polos concellos de Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia, e en concreto o edificio do centro de día, está no Concello con maior extensión, o de Tomiño.

É doado atoparnos porque estamos ao lado do centro de saúde e da Asociación de Persoas con Discapacidade, Vontade. No Baixo Miño desenvólvense moitas actividades agrícolas. Destacan os invernadoiros con planta ornamental, flor e froita, sendo o kiwi o produto principal, aínda que se intenta incorporar outras variantes coma é o aguacate. Os viñedos tamén teñen moita sona, podendo atopar numerosas adegas pola zona.

As influencias mariñeiras están moi presentes nalgún dos concellos, polo que podemos dicir, que somos unha familia moi diversa, na que predomina a vida rural. O Baixo Miño está cargado de historia e de moitos lugares emblemáticos, tendo tamén unha gran influencia do pais veciño Portugal, do que simplemente nos separa O Miño.

A música está moi presente no día a día do noso centro, onde todos os anos contamos coa visita dos tradicionais Trebóns. Como vedes, da nosa contorna obtemos un amplo abano de recursos cos que desenvolver o día a día do noso centro, formado este por 41 persoas usuarias e 11 traballadoras.